Anthologia Graeca, Poemas galegos

O abrente do día.

Os seguintes poemas son uns dos moitos exemplos que recollen a mesma temática que empregou tamén Safo nos seus versos con diferente significado e finalidade ou ben seguindo as liñas da poeta. Mais, continuadores en canto ao tema ou innovadores, os poemas nos que aparecen os mesmos elementos mostran que o que escribía Safo, que formaba xa parte da memoria colectiva, seguiu ligado a esta ata a actualidade.

O primeiro é un poema de Antípatro de Tesalónica (poeta da época augústea) recollido na Antoloxía Palatina (AP. 5.3). Este emprega a temática do mito de Titono de xeito satírico neste canto de alba que fala da necesidade das persoas que se aman de separarse e a obriga de comezar no rompente do día a cumprir coas responsabilidades da rutina. Este tópico que aparece en numerosos poemas da Antoloxía Palatina, tamén o fai repetidamente en diversas tradicións literarias de todo o planeta e en puntos moi separados tamén no tempo.

ὄρθρος ἔβη, Χρύσιλλα, πάλαι δ᾽ ἠῷος ἀλέκτωρ
κηρύσσων φθονερὴν Ἠριγένειαν ἄγει.
ὀρνίθων ἔρροις φθονερώτατος, ὅς με διώκεις
οἴκοθεν εἰς πολλοὺς ἠιθέων ὀάρους.
γηράσκεις, Τιθωνέ: τί γὰρ σὴν εὐνέτιν Ἠῶ
οὕτως ὀρθριδίην ἤλασας ἐκ λεχέων;

Este é unha tradución inglesa de principios do século XX de W.R. Paton:

The day has broken, Chrysilla, and for long early-rising chanticleer is crowing to summon envious Dawn, A curse on thee, most jealous of fowls, who drivest me from home to the tireless chatter of the young men. Thou art growing old, Tithonus, or why dost thou chase thy consort Aurora so early from thy bed?

E aquí a mina ao galego:

Chegou o albor, Crisila, e o galo da mañá,
que leva un anaco cantando, atrae á envexosa Aurora.
Maldita, es a máis odiosa das aves! Que me leva
da miña casa cara as frecuentes lerias da xente nova.
Estás a volverte vello, Titono, ou se non por que á túa muller Aurora
ergues tan cedo do leito?

Nestas cancións no albor do día normalmente o elemento de ruptura que esperta aos namorados é unha ave, no poema de Antípatro o galo. Pero, sen dúbida, o que sempre aparece neste tipo de composicións é a Aurora e por iso, neste caso, tamén podemos ler sobre Titono que vai da súa man. Insinúase que o avellentamento provoca que se acurten aquelas noites que pasaba coa Aurora nas que esta se lamentaba por ter que acender o día. Isto último aparece posteriormente en Propercio (II, 18a), cando eran Aurora e Titono os que lamentaban que a noite durase tan pouco. Por outra banda, son numerosos os exemplos de versos nos que a Aurora é a invitada inesperada e ademais molesta ou incómoda que interrompe aos que disfrutan dunha noite que libera das obrigas do día. Como na Ilíada a noite era un impedimento para loitar, na Odisea é esta tamén a que fai diminuír o ritmo e deixa tempo para esquecerse de todo. Así Atenea obriga a Aurora a durmir un pouco máis aquel día que tardaría en comezar porque Odiseo e Penélope merecían máis horas de noite.

Dando un salto longuísimo no tempo, na poesía galega a alborada ten frecuentemente un significado ben diferente e máis positivo do que ten a Aurora nas cancións de alba das que falabamos. Non está relacionada neste sentido coa súa función de garda do día que evita que a noite se estenda, senón que aparece en moitos casos asociada á festa (a alborada que esperta aos veciños nas festas) e á ledicia do novo día cargada de simbolismo. Un exemplo sería o poema (nado para ser canción) Alborada de Rosalía de Castro. Outra composición na que o albor é protagonista, mais con diferentes connotacións é Agardarei de Celso Emilio, escrito cen anos despois.

Dicía Rosalía:

(…)a aurora xa vos vén a dispertar.
¡Arriba!
¡Arriba, toleirona mocidad!

E versos antes había espazo para a namorada de Titono:

Que a auroriña
o ceu colora
cuns arbores
que namora,
cun sembrante
de ouro e prata
teñidiño
de escalrata.
Cuns vestidos
de diamante
que lle borda
o sol amante
antre as ondas
de cristal.

Anuncios
Estándar

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s