Achados papiráceos, Escavacións, Lírica grega, Poema dos Irmáns

Así naceu a discusión e así se falsifica un poema

O dos irmáns é o poema de Safo que coñecimos o último e o primeiro que foi descuberto nunha época na que as redes sociais estaban listas para recibilo con todas as consecuencias que estas circunstancias provocarían.

IMG_20150220_095730

O feito de que apareceran na rede espazos que invitaban á discusión dos novos poemas levou a que estes foran estudados por unha máis ampla comunidade e a que entraran nas casas dun público máis numeroso (grazas ás publicacións en periódicos). Por outra banda, que estes poemas chegaran a tan vasta audiencia cando aínda non se realizara unha publicación coidada e definitiva ou pormenorizada motivou unha discusión que penso que non debemos xulgar en termos de “malintencionada” ou como unha conspiración dunha parte contra a confianza doutra en Dirk Obbink. Non creo que esta discusión fora negativa sempre e cando non perdamos de vista que se trataba dun debate prematuro no que os argumentos, por non contar con soporte documental seguro, tiñan unha base inductiva.

O 29 de xaneiro do ano pasado inaugurábase un blog para discutir aspectos lingüísticos en relación ao poema dos irmáns de Safo, do que xa se publicara un texto provisional na rede. Foi rápida entón a divulgación do texto e das ideas (fundadas ou non) que comezaban a xurdir ao redor da súa incerta procedencia. Os primeiros comentarios baixo esa entrada apuntaban a aspectos como a métrica, o dialecto ou correccións do propio texto e correspondíanse coa finalidade dese espazo.

Mais, pronto, palabras como ‘subjunctive’, ‘tenses’, ‘spelling’, ‘ending’, ‘stanza’ ou ‘accusative’ deron paso a outras: ‘provenance’, ‘authenticating’, ‘collector’, ‘fragments’, ‘owner’, ‘illicit’, ‘looting’. Pídese que se volva a facer visible o enlace que levaba ao texto orixinal, mais este fora eliminado, e esíxense datos sobre a procedencia do papiro e as condicións nas que este foi entregado ao prof. Dirk Obbink. O centro da discusión xira ao redor da etica da papiroloxía e demais disciplinas que traballan con obxectos de orixe ás veces escura. Se a orixe era Oxirrinco, tratábase dun papiro que levaba en Europa xa anos e anos (desde antes de que se prohibira a extracción de papiros de Exipto) en mans dun coleccionista privado? Ou estivera desde que fora descuberto (posiblemente a finais do século XIX ou nas primeiras décadas do século XX) no mercado anticuarista?

Polo tanto, o debate non trataba tanto o problema dunha presunta falsificación, senón da clarificación do lugar de procendencia do papiro e as condicións nas que se adquiriu tendo en conta o turbio que resultou sempre o mercado de antigüidades. E máis en Exipto. E máis aínda despois do coñecido como Primavera Árabe.

Para identificar a antigüidade dun texto non contamos só cos aspectos físicos do obxecto sobre o que foi descuberto, posto que este pode obviamente non ser o orixinal ou pode ata ser falso, mais o escrito que contén ser o verdadeiramente antigo. E tamén podemos contar cun soporte antigo co que crear unha falsificación (polo que daría resultados en laboratorio enganosos). Debemos estudar entón puntos como a métrica, a lingua empregada, o estilo ou datos histórico-biográficos (se contamos cun contexto, como neste caso).

Falaba máis arriba da importantica do momento no que apareceron estas composicións dentro do debate sobre a súa autenticidade: a era dixital provocaría que a falsificación e o engano quedaran moito máis expostos que noutra época e con eles o propio Dirk Obbink. Ademais, este clasicista non parecía ter razóns para querer máis recoñecemento cunha publicación así, despois de tantas outras contribucións a estes estudos, e para alimentar máis a súa fama que xa estaría saciada (en caso de que nalgún momento a procurara).

Se entón non foi el o artífice (hoxe non creo que ninguén defenda que si, se nalgún momento así o estimaba), tivo que ser o primeiro enganado se nos poñemos no caso de que se trata dunha falsificación. E se queredes saber como podemos enganar a un dos maiores expertos no mundo en papiroloxía, aquí están os pasos que enumeraba o profesor Alexander Nikolaev nun comentario no blog que citei antes:

Primeiramente, debes converterte nun gran experto en papiroloxía:

Conseguir ou preparar un papiro (non moi caros hoxe no Cairo pero non sei ata que punto pasarían por ter máis de dous mil anos).
Conseguir ou preparar tinta.
Imitar a escritura.
Estropear e mutilar o papiro.

A continuación, debes ser un poeta que imite á perfección:

A lírica grega.
O dialecto eolio.
A métrica sáfica.
Inventar unha serie de formas sen documentación previa no lesbio de Safo nin doutros poetas pero que non parezan tampouco demasiado extrañas.

Non podo ofrecer un número concreto das persoas que poderían ser capaces de realizar impecablemente este proceso, mais sen dúbida non máis de dúas ou tres en todo o mundo.

Non se trataba, segundo o meu punto de vista, dunha cuestión de confianza (como se ten sinalado), senón de facilitar a Dirk Obbink o tempo necesario para a publicación dos seus achados e xulgar, unha vez que esta se efectuara, os resultados.

Anuncios
Estándar

One thought on “Así naceu a discusión e así se falsifica un poema

  1. Pingback: De man en man. | cantaoutravez

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s