Anthologia Graeca, Lírica grega

É Safo a voz recoñecible do subalterno?

Viaxamos uns días fóra de Grecia e dirixímonos á Galicia do ano 1865. Concretamente, imos a Lugo, onde se publicaba por primeira vez no Almanaque de Galicia o artigo “Las literatas. Cartas a Eduarda” de Rosalía de Castro. Nel abordábanse as dificultades que atopaban as mulleres para dedicarse á vida literaria.

Rosalía ataca esa sociedade que critica a unha muller escritora buscando razóns para facelo nas súas explicacións ante o público ou no feito de fuxir delas, por falar orgullosa e por facelo modesta cuestionando sempre o seu talento.

Parece razoable meter todos estes prexuízos entre o resto da nosa equipaxe e levalos de novo á Grecia de Safo pois aparecen apoiados en fontes que con posterioridade á vida da poeta deixan constancia dela. Non me ocupo agora de todos os textos que conteñen descualificacións directas a Safo (na maioría dos casos, non pola súa obra, senón por construcións maliciosas no aire ao redor da súa figura) nin tampouco do emprego que fixo dela o xénero cómico. Algunhas fontes, se ben recoñecen o valor da obra sáfica, empregan un ton diferente ao das críticas de obras con autoría masculina.

Aristóteles (Retórica 1398 b12) salienta o feito de que Safo era unha muller como elemento que sorprende ao considerar as honras que a xente de Mitilene lle dedicou:

πάντες τούς σοφούς τιμῶσιν· Πάριοι γοῦν ‘Αρχίλοχον
καίπερ βλάσφημον ὄντα τετιμήκασι, καὶ Χῖοι Ὅμηρον
οὐκ ὄντα πολίτην, καὶ Μυτιληναῖοι Σαπφώ καὶπερ γυναῖκα οὖσαν.

Cada quen honra aos seus sabios. Por exemplo, os de Paros rinden homenaxe a Arquíloco aínda que fose un blasfemo, e os de Quíos a Homero que non era cidadán, e os de Mitilene a Safo aínda que era unha muller.

A muller é comparada entón ao impío e a aquel que non era cidadán. A seguinte testemuña é de Antípatro (Antoloxía Palatina 7, 15) e mostra de novo a clara división de esferas:

οὔνομά μευ Σαπφώ, τόσσον δ’ ὑπερέσχον ἀοιδῶν
θηλειᾶν ἀνδρῶν ὅσσον ὁ Μαιονίδας.

O meu nome é Safo e destaquei tanto entre as poetas
mulleres como Homero entre os homes.

Co paso do tempo, entón, seguía a ser posible identificar o grupo de escritoras etiquetado coa palabra “mulleres” como un grupo de creadoras que xorden do subalterno e desde o que, unha vez dentro do círculo (xa non fóra, no marxinal), as afortunadas como Safo ou Rosalía poden cantar eses outros mundos: o aquí de Penélope e non a volta da guerra de Ulises, o aquí de Mitilene e non o do Exipto de Cáraxo. Este fenómeno ofrece a oportunidade de ler desde outro punto de vista. Como tería contado Dórica o que lemos no poema de Safo? Ademais, semella que reduce o gran salto que atopamos entre os nosos ollos e os da personaxe se é ela quen conta o que está a ver e non outro que pensa ver o mesmo, mais está a conformar a historia mirando desde un ángulo diferente.

Chegamos entón a pregunta que facía no título. Comentábamos noutra entrada que Safo constitúe un unicum na lírica grega arcaica. O fenómeno que representa a súa obra é análogo ao do xurdimento de voces que ao longo da historia falaron desde a marxe. Estas voces son polas que Gayatri Spivak preguntaba: “pode o subalterno falar?”.

Parece obvio que, en comparación con outras voces femininas, a de Safo foi unha protexida da transmisión. Aínda así, baixo todas as liñas que falan dela atopamos soamente algúns fragmentos firmes; o único que conservamos dela por causas diversas. Di Aurora Luque;

En las rutas de la transmisión, los agentes destructivos han sido múltiples: la sorda indiferencia, las larvas, el azar, los propios avances técnicos de la escritura, los climas, las religiones, las ratas.

Hoxe parece que o paso do tempo estaba decididamente contra os seus fragmentos. Aínda así, penso que se pode afirmar que Safo, desde a súa posición ao marxe (como muller, mestra e homosexual, o que a estigmatizou tempo atrás), conquistou un lugar no grupo da lírica grega e non por iso debe ser xulgada como un exemplo non válido do subalterno, senón como posible voceira das que non puideron chegar a ser recoñecidas. Esta é a miña tentativa de resposta á pregunta de Spivak, cando canta Safo non canta o subalterno?

Anuncios
Estándar

One thought on “É Safo a voz recoñecible do subalterno?

  1. Pingback: Fragmento que Safo nunca escribiu | cantaoutravez

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s