Poemas galegos

A nova interpretación dunha familia e do que era un único modelo de feminidade

Comentaba noutra entrada que, xa na primeira publicación no TLS do “poema dos irmáns” de Safo o pasado ano, Dirk Obbink presentaba o que para el era un paralelismo entre as figuras de Safo, Cáraxo e Lárico e as de Penélope, Odiseo e Telémaco, respectivamente. O papirólogo enunciaba no seu artigo esta percepción como unha hipótese de posibles ecos homéricos que, posiblemente, vexamos soamente hoxe despois de ter imaxinado tantas e tantas veces á familia de Ítaca como simples figuras de liñas grosas. Aínda así, pode que a teoría de Obbink sexa de utilidade para imaxinar a situación de drama familiar que describe Safo no seu poema e o papel que esta tiña nel como muller en terra.

O helenismo é un dos temas que a literatura galega toma doutras alleas, xunto co celtismo ou o idilio (tamén de inspiración clásica, desde Teócrito a Ovidio e Virxilio). Numerosos poetas, comezando con Pondal e seguindo por Aquilino Iglesia Alvariño, Ricardo Carballo Calero, Álvaro Cunqueiro ou Xohana Torres servíronse explicitamente da herdanza grega nas súas obras e, en concreto, as figuras de Penélope, Odiseo e Telémaco (este último en menor medida) foron interpretadas unha e outra vez en lingua galega.

Xosé María Díaz Castro (Nimbos, 1961) definía poeticamente Galicia empregando en “Penélope” o mito desta muller que somnolenta tecía e destecía soa polas noites agardando por Odiseo. Esta soidade no traballo e na casa recorda ao poema de Rosalía que, por certo, comeza “Tecin soya á miña tea”. No poema de Díaz Castro a imaxe de Galicia, personificada e cos atributos tradicionais de Penélope, é a da que non avanza, resignada, a da que non se ergue do leito.

Álvaro Cunqueiro debuxaba, pola contra, unha Penélope insomne no seu poema “O retorno de Ulises” (Herba aquí ou acolá, 1980). Nestes versos mestúranse dous mitos: o de Ariadna e Teseo e o de Penélope e Ulises. Despois de tecer toda a noite, esta comeza a soltar os fíos e soña con que un chega ata Ulises, no mar.

Xa na obra de Xohana Torres (Tempo da ría, 1992), Penélope preséntasenos cun caracter totalmente diferente. O prototipo que representara Penélope para o mundo occidental ata este poema de muller fiel e paciente conquista un novo espazo da man da poeta Xohana Torres.

Penélope

Declara o oráculo:
“Que á banda do solpor é mar de mortos
Incerta, última luz, non terás medo.
Que ramos de loureiro ergan rapazas
Que cor malva se decide o acio
Que acades disas patrias a vendima
Que amaine o vento, beberás o viño.
Que sereas sen voz a vela embaten
Que un sumario de xerga polos cons”.
Así falou Penélope:
“Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A que tanto novelo e tanta historia?
EU TAMÉN NAVEGAR”

Penélope ou Safo (ou outra) miraban o mar desde casa, pacientes, en Grecia e en Galicia.

Anuncios
Estándar

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s